REFUXIOS NA CARBALLEIRA DO LÉREZ
Cerdedo-Cotobade
Habitar entre as árbores e, ao mesmo tempo, sobre elas. Este proxecto nace dunha premisa: integrarse na paisaxe dunha carballeira tradicional galega. A arquitectura non se impón, senón que procura un diálogo sincero coa topografía, as árbores centenarias e os antigos muros de pedra a través dunha intervención deseñada para deixar a mínima pegada posible no terreo.
Dado que a grande altura do bosque impediría gozar da contorna desde unha cota convencional, o proxecto propón unha superposición en dobres alturas para asomarse por riba das copas. É alí onde a arquitectura consegue dominar a paisaxe do río Lérez e atrapar as postas de sol, regalando unha percepción interior flotante e etérea, en contraste coa escala íntima e recollida dos módulos que permanecen máis preto do chan.
O acceso convértese nun percorrido mediante un sistema de pasarelas que nacen desde as curvas de nivel máis favorables, serpeando con pendentes suaves e fluídas que se adaptan de forma natural ao terreo.
Ao agrupar os refuxios en estruturas dobres, logramos reducir á metade o impacto sobre o chan. A súa implantación precisa nas cotas baixas asegura que a panorámica se preserve intacta desde a zona peonil e a capela, mentres que, en planta, cada módulo se orienta meticulosamente para cumprir un dobre obxectivo: esquivar limpamente os carballos centenarios e garantir as mellores vistas ao río sen que as cabanas se interrompan visualmente entre si.
A nivel construtivo, apostamos por un volume compacto de planta cadrada que optimiza a superficie útil e minimiza a fachada, resolvendo o reto da orientación oeste de maneira bioclimática. As cabanas baixas aproveitan a protección do bosque caducifolio no verán e a súa radiación no inverno; pola súa parte, os módulos que emerxen sobre as copas incorporan sistemas de protección solar exterior e ventilación cruzada para mitigar a carga térmica da tarde, complementando o gran beiril da terraza.
Cara ao interior, o espazo fragméntase segundo o seu nivel de intimidade: a zona de día vólcase por completo á luz e á natureza a través de xenerosos ventanais, mentres que a zona de noite se recolle en si mesma, utilizando o volume do baño como filtro arquitectónico para outorgar privacidade desde o limiar de entrada.
A nivel material, a cuberta lixeira independízase da estrutura portante para protexer as fachadas da climatoloxía e potenciar a sensación de lixeireza. Non buscamos a abstracción xeométrica artificial; mostramos a estrutura de madeira de forma honesta, limpa e evidente, inspirándonos na lóxica construtiva e tectónica dos nosos hórreos para crear un obxecto coherente que pertence, sinxelamente, ao lugar.