PREGUNTAS FRECUENTES
Identidade e valor arquitectónico
Que tipo de proxectos realizamos?
Para nós non existe proxecto pequeno. Interésannos os proxectos onde se busca a excelencia independentemente da súa escala. Temos moita experiencia en sectores diversos do urbanismo e da edificación, desde o ámbito residencial, hoteleiro, rehabilitación de edificios, ata outros como laboratorios. Dotamos a cada espazo de alma, apoiados sempre nun deseño moi desenvolvido buscando unha execución impecable.
Como nos plantexamos unha rehabilitación en Galicia?
Rehabilitar en Galicia é para nós un exercicio de equilibrio entre o respecto polo existente e as necesidades actuais. Seleccionamos materiais que garantan a durabilidade da construción, buscando sempre unha integración que manteña a esencia do lugar e que envelleza ben. Buscamos de forma clara que a parte nova da construción se integre formando un todo coa parte antiga. Non nos interesan os contrastes deliberados; interésanos a historia e como nos integramos co existente.
Como integramos criterios de eficiencia enerxética ou o estándar Passivhaus?
En SEA aplicamos os principios do estándar Passivhaus: unha metodoloxía de alta precisión que busca o consumo case nulo mediante un illamento continuo e os sistemas máis eficientes. A nosa experiencia internacional permítenos adaptar con sentido común este rigor centroeuropeo ao clima de Galicia. Proxectamos vivendas funcionais que garanten un retorno da inversión real. Tamén traballamos con etiquetas LEED e BREEAM.
Como garantimos a calidade técnica e o rigor?
Garantimos a integridade de cada proxecto mediante unha definición técnica exhaustiva, aplicando o rigor e a precisión da nosa experiencia internacional en mercados como o alemán e o suízo. A través dunha presenza constante en obra, supervisamos que a execución respecte escrupulosamente estes estándares, asegurando que o confort térmico e a calidade dos materiais perduren a longo prazo.
Proceso de proxecto
Cal é o proceso dun proxecto para facer unha casa?
O noso proceso de traballo basase nun acompañamento cercano e ordenado que asegura un control total sobre a inversión, facendo que o resultado final sexa o proxectado.
- Anteproxecto, baseado nun programa de necesidades que se debe aclarar de forma constante durante o proceso.
- Proxecto básico que é o documento co que se pide a licenza.
- Proxecto de execución que serve para poder presupostar a obra con distintos construtores.
- Dirección de obra que consiste no seguemento e control de todo o proceso da obra para ceñirse ao proxecto de execución.
Cales son as fases dun proxecto de arquitectura?
Un proxecto de arquitectura desenvólvese en tres grandes fases:
Fase 1: Análise e Anteproxecto
Todo comeza cun estudo do inmoble e unha medición de precisión para plantexar todas as opcións técnicas razoables que den resposta ás necesidades reais da edificación. Nesta primeira etapa, presentamos un Anteproxecto detallado que inclúe a distribución de ideas, un orzamento estimado da inversión e infografías fotorrealistas. Para unha validación total do deseño, ofrecemos ademais a posibilidade da visualización do proxecto mediante lentes de realidade virtual, asegurando que a imaxe final sexa exactamente a proxectada.
Fase 2: Proxecto Básico e de Execución
Unha vez definida a estratexia, ocupámonos da redacción da documentación técnica e legal necesaria para a obtención de licenzas municipais. Nesta etapa é onde integramos metodoloxías BIM e IA, permitíndonos coordinar cada plano e memoria de forma sistematizada. Elaboramos o Proxecto Básico para a xestión administrativa e o Proxecto de Execución, que integra memorias construtivas, o estricto cumprimento do Código Técnico da Edificación (CTE) e, fundamentalmente, un Orzamento exhaustivo. Este desglose de partidas permite que as empresas construtoras presuposten de forma inequívoca, garantindo un control presupostario real.
Fase 3: Dirección de Obra, Dirección de Execución e Coordinación de Seguridade
O noso rol durante a construción é actuar como o garante de que a execución sexa o reflexo fiel do proxecto. Realizamos visitas periódicas de supervisión técnica e contamos con arquitectos técnicos para asumir o oficio de Dirección de Execución e o de Coordinación de Seguridade e Saúde. Ocupámonos de que cada material e cada encontro construtivo cumpra co estándar de calidade do noso estudio de arquitectura, verificando que a empresa construtora respecte o definido nos planos e pregos. Este proceso finaliza coa emisión do Certificado Final de Obra, o documento oficial que acredita a correcta finalización dos traballos baixo a nosa dirección e a total conformidade normativa ante os organismos correspondentes.
Xestión, licenzas e orzamento
Encargámonos da xestión de licenzas no Concello?
Si. A nosa prioridade é que o cliente poida delegar toda a responsabilidade en nós. Por iso, asumimos a xestión administrativa ante os organismos correspondentes, redactando e presentando toda a documentación necesaria —desde memorias e planos ata xustificacións normativas— para a obtención de licenzas. O obxectivo é que este proceso, a miúdo complexo, se converta nun trámite fluído, profesional e totalmente transparente.
Como garantimos que o proxecto se manteña dentro do orzamento?
A clave do noso control de custos reside na eliminación da incerteza antes de que comece a obra. Mediante o desenvolvemento dun Proxecto de Execución e un Orzamento exhaustivo, desglosamos cada partida e unidade de obra. Este documento técnico, xunto cun contrato redactado por un avogado, vincula legalmente á empresa construtora contratada, obrigándoa a ceñirse a prezos e calidades pechadas, o que minimiza drasticamente a aparición de imprevistos ou sobrecustos. Ao anticipar e resolver cada encontro construtivo na fase de proxecto, transformamos o orzamento nunha folla de ruta real e esixible, asegurando que a execución final sexa o reflexo exacto da planificación económica inicial.
Que gastos existen ademais do proxecto técnico?
Máis aló dos nosos honorarios, toda obra conleva unha serie de custos oficiais e administrativos necesarios para a súa legalización e execución. Entre eles, destacan as taxas municipais e impostos de construción (ICIO) que dependen de cada concello, así como os visados colexiais obrigatorios. Tamén nos encargamos de asumir a Dirección de Execución e a Coordinación de Seguridade e Saúde. Dependendo do proxecto, tamén pode ser necesario un estudo xeotécnico e un estudo topográfico.
Garantías e protección legal
Como se elixe a empresa construtora?
Encontrar á empresa construtora adecuada é unha decisión estratéxica que facilitamos mediante unha licitación transparente. Non deixamos este paso ao azar: comparamos orzamentos de empresas solventes baixo un mesmo estado de medicións, actuando como un filtro técnico rigoroso. Ao final, trátase de formar un equipo onde a execución técnica sexa o reflexo fiel da visión que construímos xuntos.
Debe a empresa construtora ser independente do estudio de arquitectura?
Si, a arquitectura e a construción son dous roles que deben traballar en sintonía, pero con total autonomía. O estudio de arquitectura debe de liderar, fiscalizar e supervisar que todo o proxecto se constrúa como está exactamente no proxecto de execución.
Que garantías técnicas e de seguro de responsabilidade civil aportamos?
A nosa responsabilidade técnica é integral e constitúe o blindaxe legal da vosa inversión desde a primeira análise ata a entrega definitiva. Ao asumir a Dirección de Obra e a Coordinación de Seguridade e Saúde, actuamos como o garante técnico que certifica que cada solución executada cumpre estrictamente co Código Técnico da Edificación (CTE) e a normativa vixente. Esta seguridade formalízase coa emisión do Certificado Final de Obra, o documento oficial que acredita a correcta finalización dos traballos baixo a nosa supervisión. Ademais, toda a nosa actividade profesional está respaldada por un Seguro de Responsabilidade Civil, ofrecendo unha resposta solvente e unha protección xurídica absoluta ante calquera eventualidade.